|
18/08/2008 A Fundación SonDeSeu busca fondos para pór en marcha unha escola en Guinea-Bissau
A Fundación SonDeSeu e o músico de Guinea Bissau, Nino Galissa, iniciaron un proxecto conxunto de cooperación internacional para por en marcha unha escola de música tradicional neste país africano, coa finalidade de que os rapaces coñezan o seu patrimonio cultural e na que tamén se ofrecerá outro tipo de atención, como a educativa e sanitaria.
Esta iniciativa xorde da necesidade de preservar un patrimonio que está en vías de desaparición, en referencia á cultura “griot”, propia da zona de Gabú, e que ten un dos seus máximos expoñentes nun instrumento musical chamado “kora”.
Así, o propio Nino Galissa, lembrou que a kora, instrumento de corda elaborado con madeira, metal e unha cabaza, e orixinario de Guinea, “non de Senegal, como moita xente cre”, pode servir como acicate para avivar o interese dos mozos guineanos pola súa rica tradición musical, ao tempo que o seu coñecemento “tamén pode ser unha oportunidade para gañarse a vida no ámbito artístico’.
Porén, o músico aclarou que o modelo europeo de escola “non se pode aplicar neste caso”, xa que “hai que atender tamén outras carencias máis básicas”, como a baixa tasa de escolarización, ou as deficiencias en materia sanitaria e de alimentación.
Tamén explicou que a situación de pobreza do país, que padeceu unha guerra civil ata 1999 e ten unha baixa tasa de alfabetización, creou un caldo de cultivo propicio para a “extinción” do patrimonio cultural “griot” e empuxou aos mozos á emigración. Galissa recalcou que, na actualidade, “os rapaces guineanos non teñen motivación nin ilusión por aprender a súa propia cultura, e só están pendentes das mafias”, por iso, insistiu en que a creación da escuela suporá “non só recuperar un patrimonio senón tamén salvar vidas”.
Nese sentido, a escola concíbese como un “área pedagóxica” na que se integrarán aulas de música e educación xeral, con obradoiros de instrumentos, comedor, zonas deportivas, enfermaría e aloxamento para mestres e alumnos. O músico guineano eloxiou os esforzos da Fundación SonDeSeu para levar adiante este proxecto, que ten “vocación de permanencia”, e confirmou que algúns dos seus membros xa visitaron Guinea-Bissau para coñecer o terreo, os costumes e as posibilidades da escola. Un dos obxectivos fundamentais deste centro é “dar as ferramentas” aos nenos guineanos “para que teñan un futuro no seu país e non precisen irse fóra”.
Fusión de música africana co son tradicional galego
Este proxecto acaba de iniciar a súa andaina coa creación dun “produto artístico” que consiste nun espectáculo de música e danza no que se fusiona a música de raíz africana co son tradicional galego.
Para iso constituirase unha formación mixta composta pola Orquestra Folkórica de Gabú e a Orquestra SonDeSeu, a primeira orquestra folk de España. Os fondos recaudados destinaranse á escola de Gabú.
A Fundación SonDeSeu constituíse en 2006 para contribuír en materia de ensino, defensa do patrimonio oral musical de Galicia, desenvolvemento de estudos e investigacións musicolóxicas e divulgación da música tradicional e folk. Un dos seus proxectos estables é a Orquestra SonDeSeu, integrada por profesores e alumnos do Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, así como a reciente creación da primeira Rede Europea de Orquestras Folk con sede na cidade de Vigo.
[Fonte: Atlántico Diario]
|