|
04/08/2008 A Fundación SonDeSeu promove a constitución da primeira Rede Europea de Orquestras Folk
A Fundación SonDeSeu é impulsora da creación da primeira Rede Europea de Orquestras Folk, creada por profesionais de Bélxica, Finlandia, Italia, Francia, España e Escocia e cuxa sede permanente será a cidade de Vigo. O propósito desta federación é “crear unha rede estable” para que as formacións “teñan onde tocar”. Así o manifestou en rolda de prensa Rodrigo Romaní, director da orquestra SonDeSeu, quen explicou que o principal obxectivo desta iniciativa é “crear un circuíto estable de distribución para o futuro, desde o punto de vista do espectáculo pero tamén da educación e formación”.
Igualmente, Anxo Pintos, presidente da Fundación SonDeSeu, agradeceu o apoio e a colaboración da Concellería de Cultura e Animación Sociocultural do Concello de Vigo, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e a Dirección Xeral de Turismo da Xunta de Galicia, Caixanova e a Escola de Artes e Oficios de Vigo.
Para celebrar a creación desta rede, a cidade olívica acollerá a I Festa Internacional da Rede Europea de Orquestras Folk, no marco do cal celebraranse varios concertos no Auditorio de Castrelos. Así, o mércores 6 actuarán a partir das 22.30 horas as orquestras Transpiradansa! (Bélxica) e a Folk Orquestra Gabú (Guinea Bissau); mentres que o xoves 7 tocaralle a quenda a An Avel (Bretaña) e á formación galega SonDeSeu, a única orquestra folk estable de Europa.
Ademais destas actuacións en Castrelos, celebraranse outras actividades paralelas como tres obradoiros sobre instrumentos propios de cada rexión representada (violín bretón, kora africana e gaita de Flandes) e actos de animación na rúa. Deste xeito, a Folk Orquestra Gabú actuará o mércores 6 a partir das 11.00 horas na praza da Constitución e Transpiradansa! fará o propio a partir das 12.00 horas na rúa Príncipe, diante do Marco. Ao día seguinte, tomarán o relevo An Avel (praza da Constitución, ás 11.00 horas) e SonDeSeu (rúa Príncipe, ás 12.00 horas).
|