Noticias da Orquestra e os seus compoñentes

 

 

 

 

A Fundacion SonDeSeu presenta o "Libro Branco do ensino en música tradicional" no I Congreso de Ensinantes de Musica Tradicional.


Tentando cumprir un dos seus principais fins, a normalización da cultura musical de Galicia, a Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG), ente que representa non só a gaiteiros, senón tamén a todo tipo de músicos tradicionais, bailadores e demais xente implicada no folclore musical galego, organiza o primeiro congreso de ensinantes de música e baile tradicional.

O obxectivo fundamental deste congreso é reunir ós principais actores do ensino da música e baile tradicional (profesores de educación primaria e secundaria, conservatorios e ensino non regrado) nun marco que permita a discusión das futuras liñas a seguir para que o noso patrimonio musical sexa posto en valor e transmitido dun xeito moderno e eficaz ás novas xeracións. A AGG pretende tamén, mediante a organización deste congreso, chamar a atención sobre a importancia socioeconómica que o sector do ensino da música tradicional galega ten na nosa comunidade. A este respecto exporanse, neste I Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega, as conclusións do estudo que a fundación Son de Seu, en Colaboración coa Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e a AGG, ven de realizar para documentar a actividade de tódolos ensinantes dedicados a este eido que existen actualmente na nosa comunidade.

Este relevante congreso está patrocinado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia, así como pola Concellería de Cultura do Concello de Santiago de Compostela. Na súa organización colaboran ademais a AS.PG e a CIG, ademais das tres Universidades Galegas. Nel poderanse escoitar un total de dez relatorios levados a cabo por importantes investigadores e docentes galegos que tratarán temas tan interesantes como a situación actual do ensino da música tradicional achegando modernas propostas para a súa adaptación ó novo contexto urbano; o ensino da gaita de fol, do baile tradicional, da percusión, do canto e da zanfona; así como a aplicación das novas metodoloxías de ensino e linguaxes musicais o ensino da música e baile tradicionais galegos. Estes relatorios alternaranse con sesións plenarias onde se discutirán de xeito aberto a situación actual do ensino da música e danza tradicionais, así como as novas propostas e o futuro que agarda a este tipo de ensino. Os asistentes a este congreso presenciarán tamén un concerto didáctico a cargo de Pablo Carpintero, no que se porá de manifesto a grande riqueza e posibilidades didácticas do instrumentario tradicional de Galicia.


O I Congreso de Ensinantes de Música Tradicional Galega celebrarase no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela os días 18 e 19 de Novembro e vai dirixido a todo tipo de docentes, xente interesada neste tipo de ensino e, especialmente, a estudantes universitarios, para os que a asistencia contará como créditos de libre elección para as Universidades de A Coruña e Vigo.

A inscrición, cun custo de 10€ para asociados e estudantes e de 25 para outros interesados, poderase levar a cabo a través do portal da AGG (http://gaiteirosgalegos.com) ou ben por correo enviando o boletín de inscrición á seguinte dirección: Rúa Alfonso XIII-7º, oficina nº8, 36002-Pontevedra.

O gaiteiro Ivan Costa lanza o seu primeiro disco en solitario.

O noso compañeiro Ivan Costa ven de lanzar o seu primeiro disco en solitario, na sua faceta de gaiteiro. O seu primeiro traballo discográfico titúlase "Ávrego", e foi grabado unicamente por Ivan interpretando el mesmo todos os instrumentos. O Cd esta estructurado en duas partes ou "caras", A e B, facendo honor ós antigos discos de vinilo. A primeira das partes esta adicada ás pezas recopiladas de cancioneiros e gaiteiros tradicionais, mentres que a segunda esta formada por pezas compostas polo propio Ivan.

O disco sae baixo o sello discográfico Edicións do Cumio. Poderedes atopar mais informacion en: www.cumio.com

Avrego en Ghastas Pista